Miragre na ría.

luns 17 outubro 2016

     O dezasete de outubro de 1816, hai hoxe exactamente 200 anos, o pai do meu tataravó, chamado igual ca o seu fillo, o seu neto, o seu bisneto, o seu tataraneto e o fillo deste, Xosé Barreiro caiu á auga mentres pescaba nunha pequena embarcación preto da costa, na ría de Noia. Sabía nadar, e a mar estaba calma, co cal non lle custou moito traballo voltar a subir ao barco, coa axuda do seu compañeiro, un home que non puidemos identificar. Cando recolleron as redes, estranáronse ao atopar un vulto de madeira enganchado nelas. Deixárono nun curruncho da lancha mentres seguían a faenar e, cando voltaban a porto e antes de tiralo o meu antergo dixo de mirar que era, quitándolle as algas que o cubrían. Os dous homes sentiron que se abrían os ceos cando descubriron que era unha imaxe de virxe do Carme, patroa dos mariñeiros. 
    Dende ese día, o pai do meu tataravó fíxose un home relixioso, e doaba respectables cantidades de cartos á igrexa parroquial pola festividade do Carme. Esa doazón fíxoa obrigatoria para todos os varóns da súa familia de alí en diante. O seu neto, Xosé Barreiro, que xa non foi home de mar, quebrou esa obriga un ano en que, algo borracho, gastou os cartos que ía dar á igrexa en pagar unhas rondas nun bar próximo. Foi o ano no que o seu negocio de fabricación de tellas se consolidou e o acabou facendo un dos homes máis ricos do pobo.
    Non voltou a haber homes relixiosos na nosa familia (algunha muller si, pero poucas e non moi devotas). Non nos foi demasiado ben, pero tampouco o que se di mal a ningún de nós.
    A imaxe está, restaurada, na casa dunha tataraneta.






Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado